O disco
Vai
de baranda
é o primeiro disco de A Requinta da Laxeira. É froito dunha gravación
realizada en directo nos Estudos Mans da Coruña o 21 de decembro de
2009 no marco do programa Outra+outra. Componse de 11 pezas. A
continuación podes coñecer de onde veñen, e tamén as súas letras.
1- Eu queríame
casare… 1:58
Peza popular galega. Incluímola no noso repertorio despois dunha viaxe
do grupo a Mollet del Vallès (Barcelona), onde era interpretada polo
coro do Centro Galego, e na que respetamos fielmente os arranxos feitos
por esta coral.
Lailala, lalalala, lailala…
Eu queríame casare,
miña nai non teño roupa. (bis)
Casa miña filla casa,
cunha perna tapas outra. (bis)
Para vir a xunto a min, (bis)
vai lavar a cara (bis)
vai lavar a cara galopín.
Lailala, lalalala, lailala…
Eso de lavar a cara,
eso de lavar os pés. (bis)
Eso de lavar a cara,
eso que carallo é. (bis)
Para vir a xunto a min, (bis)
vai lavar a cara (bis)
vai lavar a cara galopín.
2- Pasodoble do
Galantiño: 2:48
Foi recollido ó xa finado gaiteiro O Galantiño de Nantón do concello da
Baña. Chamámola tamén 'Vai de Baranda' (de aí ven o nome do disco)
debido a unha das numerosas improvisacións que o grupo fai nos ensaios
e actuacións, na que acoplamos o retrouso do mesmo nome, pero sempre
respectando o pasodobre aprendido do Galantiño.
3- Muiñeira dos
Dezas: 3:37
Formou parte do repertorio do grupo Os Dezas de Moneixas, á que lle
engadimos voces, facéndoa así unha peza imprescindible no noso
repertorio.
Ei vai, ei vai
ei vai, carallo ei vai,
unha vella e ben vella
dacabalo de seu pai.
Ei vai, ei vai
ei vai, carallo ei vai,
o cura de Sarandón
dacabalo dun castrón.
Papar, papar
Papar, papar, papar,
a Requinta da Laxeira
que hoxe imos rabentar.
4- Marcha de
Sarandón: 4:35
Formaba parte do repertorio da banda de música de Ribeira a Vella (A
Estrada) e foinos transmitida por Pepe de Nande e Marcelino de Muiñeiro
(Sarandón, Vedra), os derradeiros vellos requinteiros que seguen en
activo e que forman parte do grupo A Gaita de Sarandón.
5- Foliada dos
Mariñeiros: 3:24
Peza tradicional que se canta por tódolos recunchos, e na que nos nosos
concertos a meirande parte do público nos acompaña coas súas voces,
facéndoos partícipes da festa.
Para ser bo mariñeiro (bis)
tres condicións hai que ter,
coñecer o mar e os barcos
e non ter medo a morrer. (bis)
Ai alelo, ai alalo.
Eu son mariñeiro da beira do mar
teño unha lanchiña para
navegar, (ESTRIBILLO)
para navegar, para navegar
eu son mariñeiro da beira do mar.
Fun dende Vigo a Moaña (bis)
remando nunha lanchiña,
vin pasar o berberecho
atrás da berberechiña. (bis)
Ai alelo, ai alalo.
ESTRIBILLO
Arrimadiño a unha pena (bis)
púxenme a considerar,
os traballiños que pasa
o mariñeiro no mar. (bis)
Ai alelo, ai alalo.
ESTRIBILLO
6- Muiñeira e Pasodoble de
Pazos: 2:58
Foron recollidos a Benigno de Pazos, San Cosme (Mazaricos). Este home
tocou toda a vida o clarinete xunto con gaiteiros, e son dúas das
pezas, entre moitas outras, que non dubidou en cedernos.
7- Ribeirana:
4:26
Formou parte do repertorio do Grupo Os Rosales de Asados (Rianxo) e
fíxose moi popular por toda Galicia. Decidimos incluíla no noso
repertorio, aínda que trocando as coplas orixinais por outras que
atenden ó carácter do noso grupo.
Mociñas de Sarandón (bis)
ide baixando o refaixo,
que aí veñen os da Laxeira (bis)
pola corredoira abaixo.
Ailala....
Vaite á merda, vaite á merda (bis)
cara de cañoto seco,
vaite á merda, vaite á merda (bis)
que eu contigo non me meto.
Ailala....
Unha vella e ben vella (bis)
vella da cabeza blanca,
votou un peido na cama(bis)
fixo levantar a manta.
Ailala....
Imos dar a despedida (bis)
como dan os labradores,
con el sombrero en la mano (bis)
muy buenas noches señores.
Ailala....
8- Rio Verde: 3:38
Peza popular que se cantaba durante un xogo para nenos, no que se
bailaba o que a letra ía indicando. Como non, tratándose dun xogo para
nenos, non podíamos esquencernos dela.
9- A Vaca Marela e o
Quiquiriquí: 4: 29
A primeira das pezas é unha versión aprendida por nós nunha foliada
cuns veciños de Compostela. E O Quiquiriquí é un pasodobre recollido a
Manuel Rieiro 'Bustelo da Cabreira' quen di telo aprendido dos
gaiteiros de Soutelo. É unha das pezas chave no remate das nosas
actuacións e na que se implica a todo o público que nos acompaña
bailando unha singular coreografía.
Teño unha vaca marela
que é o demo de condenada,
presume de vaca moderna
e non quere traballar.
Fixo a permanente no rabo
e botoulle esmalte ós cornos,
e di que quere mercar
unhas medias de cristal.
Ela canta muuuuuuuuuuuuuu
con acento mu uuuuuuuuuuuuuuuuu,
de mulata brasileira,
hai que vela, meneando, as cadeiras ó andar.
10- Era o Viño… 2:14
Hai uns vinte anos, nunha sobremesa dunha festa na Cosaduira (Santa
Comba), tivemos o pracer de escoitar esta peza. E aínda que xa era unha
peza popular, as coplas que alí se cantaron quedaron gravadas na nosa
memoria e son as que incluímos nesta canción. Ademais, ¿A Ulla é terra
de viño ou que?
Era o viño
Era o viño
Era o viño miña nai,
Era o viño
Era o viño miña nai,
Era o viño
Era o viño miña nai, era o viño
era o viño mezclado coa
caña,
(ESTRIBILLO)
era o viño miña nai, era o viño
era o viño que me emborrachaba.
O viño branco é meu primo
o tinto é meu parente,
non hai festiña no mundo
onde meu primo non entre.
ESTRIBILLO.
O viño branco é meu primo
o tinto é meu parante,
non sei que terá o viño
que tanto mal fai á xente.
ESTRIBILLO.
O viño é cousa santa,
que nace na cepa torta,
a uns prívalle o sentido
outros non certan da porta.
ESTRIBILLO.
Dáme viño dáme viño,
que xa me vou para o mar,
dáme viño dáme viño.
que augha teño a fartar.
ESTRIBILLO.
11- O Burro da Tía
Lola: 3:45
É unha das pezas que non podíamos deixar fóra deste disco, pois é outro
dos éxitos nas nosas actuacións, tanto pola súa melodía, como polo
acompañamento das voces, que en momentos se achega ó canto coral, pero
cun aire totalmente festivo e 'laxeiro'.
O burro da tía Lola
baila fandango nunha perna sola
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Baila fandango e baila muiñeira
e a tía Lola tamén na peneira
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Non sei que cousa ten
hai que cousa ten a María.
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Hai non sei que cousa ten
que enseña de noite e gharda de día
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Cando te vexo á beira do río
quédame o corpo temblando de frío.
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Cando te vexo a un pouco de altura
todo o corpo me dá calentura.
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Señora María reprenda o seu ghalo
que as miñas polas ándanlle ó rabo.
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Señora María reprenda o seu pito
que vai pola calle feito un señorito.
Ai lalala lalala, ai lalala.... (bis)
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala...
Ai lalalala, ai lalalala, ai lalalalalala... |

Imaxes
da gravación do disco en decembro do 2009 © A Requinta da
Laxeira 2009







Agradecementos:
Á
Excma. Deputación da Coruña, á Fundación Paideia
Galiza, ó Estudo de Gravación Mans e ó Concello de Vedra por axudar a
facer posible que este proxecto vexa a luz; á Xunta Directiva, socios e
socias da Asociación Cultural San Campio que están sempre aí alumeando
o camiño, ós e ás de antes, de agora e que virán; a toda a xente que
nalghún tempo formou parte daquel ghrupazo Aloumiños, o noso xérmolo;
ós grandes mestres Pepe de Nande e Marcelino de Muiñeiro por
achegarnos á requinta; ó grupo de requinteiros A Gaita de Sarandón,
compañeiros de viaxe en varias ocasións; á Asociación Raiceiros, polo
seu traballo en favor da recuperación da requinta; a Gerardo Albela,
antigo membro do grupo; a tódolos músicos que nalgún momento nos
botaron unha man; a Emilio Lois 'director da tropa' e compañeiro; á
xente da Vedra de alá (Bos Aires-Arxentina) polo labor que fan día a
día, “no ano do seu centenario”; a tódalas persoas anónimas que aportan
o seu grao de area para preservar os trazos da nosa memoria histórica;
a tódolos ghaiteiros e ghaiteiras que nos cruzamos nas festas,
foliadas, papatorias e espazos activos; ós e ás que viven o espírito
que envolve a Festa do Viño da Ulla, esa ghran festa de Sarandón, a
nosa terra; a Rosa de Ouzande por facernos o logo; a Mariano Casas polo
debuxo da portada; a Percy polas fotos; a Manu 'Regueiro' por ese
pedazo de videoclip; a Henrique Neira pola páxina web que nos leva polo
mundo; a tódalas persoas que confiaron en nós; ós veciños e ás veciñas
e amigos e amigas; ós amores e parellas; ás nosas familias por
querernos tanto e por estar sempre; ó “lk” (léase licor café),
fiel compañeiro das nosas 'caralladas'; ós e ás que nos seguides dende
sempre e que levades algo de 'laxeiros' no peito… isto é para vós.
|